Conversa con... Ledicia e Antonio

Conversa con...
Ledicia Costas e Antonio García Teijeiro
Presenta: Ramón Nicolás

Mércores 31 de xaneiro.
19 horas
Casa Galega da Cultura (Praza da Princesa, Vigo)
Palabras no espello. Conversa con...

O Ateneo Atlántico pon en marcha un novo modelo de actividade baixo o título xenérico de 'Palabras no espello'. Os protagonistas da xornada falarán de si diante do público asistente, abríndose a continuación a un coloquio.
Esta primeira serie do ciclo, co título Conversas con, adicarase ao peso e importancia da Literatura infantil e xuvenil feita desde Galicia. Trátase dun xénero no que a lingua galega está a acadar un amplo recoñecemento alén da nosa terra.
Para esta inauguración contaremos coa participación de Ledicia Costas, autora de Escarlatina, a cociñeira defunta, coa que gañou o Premio de Literatura Infantil e Xuvenil en 2015, e Antonio García Teijeiro, autor de Poemar o mar, gañador en 2017. A Conversa será conducida polo crítico, profesor e escritor Ramón Nicolás, recoñecido con numerosos galardóns tanto como tradutor, ensaísta e xornalista cultural.




O premio de Literatura Infantil e Xuvenil, que chegará en 2018 á súa 40a edición, leva premiado catorce obras publicadas en linguas distintas ao castelán: sete en catalán, unha en euskera e seis en galego. A proporción das publicadas na nosa lingua é chamativa e confirma o peso e calidade do traballo da nosa escrita. En 2008 tamén o recibira Agustín Fernández Paz por O único que queda é o amor. Dáse a circunstancia de que Fernández Paz, que estivera proposto para o Nobel de Literatura, Ledicia Costas e Antonio García Teijeiro, fixeron, ou fan, o seu labor desde a cidade de Vigo. Daquela, compre chamar a atención sobre o talento, a creatividade, a aposta editorial, e a receptividade dos lectores, que se dan na nosa contorna.
Os nomes de Agustín, Ledicia e Antonio, veñen unirse aos de Paco Martín, premiado por Das Cousas de Ramón Lamote en 1986, Xabier Docampo, que o recibiu en 1995 por Cando petan na porta pola noite e Fina Casalderrey que o levou en 1996 con O misterio dos Fillos de Lúa.
Para esta primeira Conversa con, e para dar unha pouca de cor ao acto, contouse coa colaboración do alumnado do CEIP Pombal e do IES de Valadares, que tamén participarán no evento.




/*-----script funcionamento buscador cabeceira Minerva Aurora-----*/